Música – Territorio – Natureza
Unha luz no Atlántico, fronteira e vía marítima. Terra de termo e final do Camiño. Fisterra, o finis terrae para os romanos e potente imán para persoas procedentes de todo o mundo, celebra un ano máis o Fisterra Experience.
Fisterra está cargada de antigas lendas e connotacións espirituais e históricas. As súas paisaxes agrestes e impresionantes praias, a gastronomía da zona ou os máxicos solpores convertérona nun punto de atracción de visitantes desde a Antigüidade.
O de Fisterra é o único dos Camiños que non ten a súa meta en Santiago, senón a súa orixe. Na actualidade, a prolongación da ruta xacobea ata a Costa da Morte é un ritual que seguen moitos peregrinos para coñecer algunhas das paraxes máis incribles da costa europea occidental. Co seu famoso faro da “fin do mundo” e en paralelo ao granítico Monte Pindo, Cabo Fisterra exerce un poderoso magnetismo natural.
O pobo de Fisterra está formado por un núcleo antigo que foi medrando en forma de anfiteatro sobre o porto. As súas casas e rúas estreitas son dun gran tipismo e orixinalidade. No centro está a Praza de Ara Solis, onde está situada a Capela da Nosa Señora do Bo Suceso. Nas aforas, de camiño ao Faro, encontramos o monumento máis interesante da vila, a Igrexa de Santa Maria das Areas, e dentro do conxunto histórico da vila destaca tamén o Castelo de San Carlos.
O porto de Fisterra é o lugar de maior actividade do pobo e a súa lonxa a primeira lonxa turística de Galicia. A frota está formada por pequenos barcos de baixura que empregan diversas artes de pesca coma o palangre, nasas, betas, etc. No peirao sempre se atopan mariñeiros que van ou veñen de pescar, reparando as súas redes ou na lonxa subastando o peixe. Este sector é un dos máis tradicionais do pobo, e a boa calidade do peixe e marisco que hai nesta zona fan que os produtos teñan unha gran demanda nos mercados.
Azotado por fortes ventos e alta salinidade, a vexetación desta zona está composta principalmente por uceiras e xestas, prantas de cantil e vexetación adaptada ao complexo dunar. A que adorna a Praia do Rostro, unha das máis salvaxes do litoral galego, está entre as mellor conservadas de Galicia.
Fisterra é un enclave extraordinario para a observación do paso migratorio de multitude de aves mariñas, que ademais buscan refuxio e repouso nos areais e enseadas pantanosas entre as praias do Rostro e Langosteira. Os illotes rochosos coma os das Illas Lobeiras albergan unha importante colonia de gaivotas e cormoráns.
Ligazóns de interese
- Portal de Turismo do Concello de Fisterra.
- Guía turística.
- Rutas turísticas.
- Mapa das rúas do pobo.
- Mapa das praias.
- Espazos naturais.
- Espazos patrimoniais.
- Ofertas de lecer (buceo, cruceiros…).
- Gastronomía – Onde comer?
- Hostalaría – Onde durmir?
- Área de Estacionamento de Autocaravanas | O Campo.
- Área de Estacionamento de Autocaravanas | Faro de Fisterra.
- Camping Fisterra.